Á MESA
8,00€
Autores: Clara Gayo, Carlos Santiago, Zé Paredes
Páxinas: 54
ISBN: 978-84-126233-8-3
O encontro feliz no 2019 entre o Teatro do Pichel e o Grupo Oportunista de Drama “G.O.D Flavia Antonia”, integrado pola dramaturga Clara Gayo e os dramaturgos Carlos Santiago e Zé Paredes, tivo como froito a presente peza, estreada o 27 de Xuño do mesmo ano na sala do Centro Social Gentalha do Pichel, en Santiago de Compostela. A procura dunha escrita performativa na que non fosen determinantes os condicionalismos da personaxe, historia, circunstancia, ou xénero, aliouse coa vontade de reducir ao absurdo o propio acto creativo. Dúas foron as premisas asumidas para despregar as velas do espectáculo: unha mesa e dez persoas. A mesa converteuse así na única protagonista garantida nun xogo escénico no que as identidades loitan por definirse sen descanso, con incertos resultados mais cómicos efectos colaterais. A propia peza é un enigma que nin sequera o sadismo autoral, sempre pronto a someter actrices e actores a un guión infame, é quen de resolver.
A peza constituíu deste xeito a sétima produción do Teatro do Pichel, proxecto nacido en 2012 como parte do programa cultural do CS do Pichel, impulsado por Zé Paredes no papel de director escénico. Textos de Luisa Costa Gomes, Alfred Jarry, Clara Gayo ou o propio Zé Paredes, foron conformando o soño de dotar ao centro social, con sede en Santa Clara, dunha compañía de teatro amador capaz de sosterse no tempo e ofrecer ao público picheleiro unha alternativa teatral radicalmente contemporánea. O elenco desta nova produción está integrado por: Andrea Freire, Fernando “Fumaces”, Olalla G.R., Maca Igrejas, Nuria Lestegás, Isa Mordía, Raquel Paz, Eva Ramos, Xoan Reices e Paz Romai, con direcciõn de Zé Paredes.
A presenza no mesmo barrio compostelán do G.O.D Flavia Antonia, con sede oficial nunha mesa do Café Bar Trece, e que toma o nome da mística galega Flavia Antonia de Andrade, fundadora do veciño convento carmelita do Carme de Arriba, veu acrecentar ao proxecto a súa propia singularidade como colectivo creativo e inconformista. Iniciado por Clara Gayo, Zé Paredes e Carlos Santiago, na secuencia do nacemento da Asociación de Dramaturxia Galega DRAMATURGA, como un espazo de reflexión e creación teatral con base en Compostela, o Grupo Oportunista de Drama definiuse axiña como resposta perante a precariedade do propio oficio dramático, e apelación activa á cooperación, o intercambio e a experimentación conxunta. Acto de Hixiene, peza de teatro breve estreado na Regadeira de Adela en 2018, ou o recital Crónica dos Poetas Suicidas, realizado en 2018 dentro do I Festival “Alguén que respira!”, foron os seus primeiros traballos, completados agora por Á Mesa!, a súa primeira peza teatral de longa duración.