IRIBARNE

15,00

Autora: Esther Carrodeguas
Páxinas: 250
ISBN: 978-84-128055-1-2

Iribarne é un tipo nado na mesmísima vila de Rouco Varela (si: o cardeal) durante a Monarquía de Alfonso XIII (o primeiro promotor do cine porno en España?, si-si: ese). Emigrado a Cuba con tan só dous aniños –coincidindo coa inauguración da ditadura de Primo de Rivera–, e tras facer as Américas durante un par de anos o noso protagonista volve triunfante para ser o fillo do alcalde (e o da francesa!). Empeza o bacharelato coa entrada da II República, case-case se fai cura durante a Guerra Civil pero decide liscar a Madrid –seguindo o rastro doutro galego ilustre– nada máis inaugurada a Era do Devandito (si, claro: O Caudillísimo). Con tanto afán tentou ser como el que máis pronto que tarde chegou a ser Ministro no seu mandato, a pesar de ter disparado dous días antes contra o cu da súa filla (pero que dis!? Si-si: dato real!). Sendo o primeiro e mellor opositor de España, quixo substituír ao Caudillo cando este morreu. Non puido ser: non ía por oposición. Tivo que conformarse co cargo de Vicerrei na súa querida Terra Galega.
Iribarne é unha investigación escénica sobre unha desas figuras absolutamente imprescindibles do noso pasado recente. Un intento (irreverente) por comprender como chegamos até aquí da man dun político que, nas súas propias palabras, dicía as verdades sen condón. Pero ollo: por máis que o poida parecer, isto NON é un biopic sobre Manuel Fraga. Teríanos encantado facelo… pero non collía nunha soa obra!

(Tirado de https://butacazero.com/espectaculos/iribarne/)